Decálogo de fotoprotección
1.-O sol é fonte de
vida e saúde. A vida na Terra non existiría sen o sol, pero é tamén causa de
queimaduras, alerxias, cancro de pel, manchas e avellentamento cutáneo prematuro.
2.-As horas máis perigosas para a exposición solar son as dúas horas anteriores e posteriores
ó cénit solar, é dicir: das 10 a 14 horas "solares". Tendo en conta
que o horario de verán en España leva 2 horas de retraso coa hora solar e que, na
nosa lonxitude da costa galega, case levamos outra media hora de atraso máis
(mellor nos sería termos a hora de Londres, Portugal ou Canarias) podemos
concluír que na costa atlántica galega as horas de maior perigo solar van
das 13 ás 17 horas do reloxo.
3.-A radiación solar máis perigosa son os raios ultravioleta B. Afortunadamente os raios UVC xa
non chegan á superficie terrestre grazas á capa de ozono porque serían
letais para a vida. Pero tamén poden ter efecto negativo os raios UVA.
4.- O índice de protección solar indica o factor multiplicador polo cal pódese multiplicar o tempo que
poderiamos estar expostos ó sol sen queimármonos. Por exemplo, se unha persoa
concreta pode estar ó sol 10 minutos sen queimarse, cunha crema dun índice
de protección 15 podería estar uns 150 minutos sen queimarse. O factor de
protección solar (FPS ou SPF) é sempre ideal ou teórico polo que, entre que non aplicamos a
cantidade suficiente, non o facemos homoxéneamente e vaise perdendo cos baños, toallas,
rozamento, etc é recomendable compensar coa aplicación dun filtro de
protección solar máis alto: entre 30 e 40 para o promedio da pel dos galegos.
5.-O filtro protector intégrase mellor na capa córnea se se aplica coa pel seca e un ratiño
antes da exposición (non é necesaria a media hora da que se falaba até hai pouco).
Os termos "pantalla total" ou "bloqueador solar" (probablemente tomados e mal traducidos do inglés) deben
evitarse, porque non existe unha pantalla ou bloqueador total, é mellor falar de "filtros".
6.- Non todas as persoas somos iguais ante o sol. Existen 6 fototipos de pel segundo a escala
proposta por Fitzpatrick: fototipo I: as persoas albinas, que sempre se
queiman e nunca se pigmentan, fototipo II: as persoas loiras que se queiman
case sempre e non pigmentan case nada, fototipo III: persoas de pelo castaño
ou morenas claras que se queiman pero pigmentan algo, no fototipo IV están
as persoas morenas que non adoitan queimárense e pigmentan bastante co sol, o
fototipo V son as peles étnicas: indios, norteafricanos, orientais... e o
fototipo VI: son as peles de raza negra. A maioría dos galegos somos de
fototipo III, algo tipo IV e bastante menos tipo II. O fluxo poboacional
tamén nos está achegando diversidade e cor a Galicia, con peles tipos V e VI.
As persoas de fototipo I, II probablemente deberan usar o protector todo o ano, axeitando o factor de
protección ó tipo de pel e a época do ano.
7.- Os nenos son especialmente susceptibles ó sol. Un pouco de sol é moi bo para a prevención
do raquitismo, antigamente coñecido en Galicia coma "tangaraño", pero xa uns minutos por semana e sobre áreas pequenas (coma a cara ou as mans)
son dabondo para isto. Os cativos de menos de 1 ano non deben expoñerse nunca directamente ó sol do
verán na súa totalidade de pel e/ou durante tempos longos. Os nenos maiores de un ano de vida deben usar un filtro protector
-preferiblemente máis físico que químico- que oscile entre 30 e 50 segundo o tipo
de pel.
8.- O sol pode ser por sí mesmo fonte de alerxias, urticarias, reaccións a medicamentos (fototoxicidade) ou causa de
agravamento de outras enfermidades da pel ou metabólicas, coma o lupus eritematoso, as
porfirias ou o albinismo.Estas persoas deben protexerse especialmente e que
que toma medicamentos convén que lean ben os prospectos sobre este punto,
xa que case sempre está mencionado ou aparece un debuxo ou pictograma que o indica xa arriba de todo.
9.- As cremas do sol non son xustifican un uso indiscriminado do sol. Convén recuperar o
valor da roupa (particularmente a tupida, fresca e de algodón ou liño), os
sombreiros con aba que protexan cara orellas e caluga (mellor que as gorras ou puchas) ou as saharianas (as que teñen coma unha faldiña por detrás e os lados),
as prendas de mangas e pernas longas, mellor que curtas, as camisetas de baño, neoprenos para os
deportes acuáticos, etc.
10.- Tampouco debemos esquecer a protección ocular! xa que a
retina tamén sofre coa exposición solar intensa e aumenta o risco de cataratas precoces. Convén recordar que as
gafas deben estar homologadas por Sanidade para a protección ultravioleta efectiva co corredspondente nivel de protección e o marcado CE,
evitando as meramente decorativas.