A dermatite (ou eccema) seborreica


1.- A dermatite seborreica é, en xeral, unha enfermidade pouco grave e que evoluciona en episodios repetidos durante un longo período da vida.

2.- As agudizacións ou agravamentos suceden con máis frecuencia no outono e no inverno e coinciden con épocas de estrés, tensión emocional, disgustos, etc. O descanso axuda a mellorar e convén evitar os excitantes, o consumo de alcol, a ducha excesivamente quente, o aire acondicionado reseco, etc.

3.- As zonas afectadas habitualmente son o coiro cabeludo e algunhas zonas de cara (o cello, os laterais do nariz), tamén o peito, a parte superior das costas, mesmo os sobrazos (axilas), inguas e zona sacra e perianal. De feito, a propia "caspa común", tan frecuente, xa é unha forma menor de dermatite seborreica.

4.- A causa desta enfermidade é o crecemento excesivo dun fungo, chamado Malassezia furfur, que forma parte da flora "normal" da pel. Malia deberse a este fungo, a dermatite seborreica non é unha micose nin é contaxiosa porque todos temos ese fungo de forma normal na pel.

5.- Fíxese ben que o proceso denomínase "...seborreica". Aínda que a súa pel aparente seca, en realidade é un pouco graxa (xuvenil) e é precisamente este exceso de sebo o que facilita que Malassezia furfur medre tanto e produza este eccema ou irritación. Por tanto non debe aplicar cremas graxas porque será peor: procure evitar os cosméticos e as veces que necesite algo (maquillaxes, hidratantes, protectores solares...) use productos sen graxa, (adoitan estar rotulados como "oil-free").

6.- É moi importante que saiba que esta "enfermidade" non ten curación definitiva, deberá manter o tratamento continuadamente e tratar máis intensamente as agudizacións, aínda que tamén notará longas épocas de melloría, normalmente durante o verán coa exposición solar e a tranquilidade.

7.- Parte do tratamento deberá facelo de forma continuada (polo menos durante os invernos), basicamente o xel de ducha e o xampú, e a outra parte do tratamento, como xa lle vai especificado, deberá realizala só nos agravamentos ou agundizacións e suspendelo no prazo previsto.